900 anos de memoria en pedra

Reservar visita

900 anos de memoria en pedra

No ano 1126, a condesa Guntroda Rodríguez, esposa de Pedro Froilaz de Traba, doou a igrexa de San Vicente de Moruxo ao Mosteiro de Bergondo. Aquel acto marcou o inicio dunha historia de nove séculos, situando o mosteiro como centro espiritual, cultural e social das Mariñas. Hoxe, San Salvador de Bergondo segue sendo un referente histórico e patrimonial imprescindible para descubrir Galicia.

No ano 1126, a condesa Guntroda Rodríguez, unha das figuras máis influintes da Galicia do seu tempo e esposa de Pedro Froilaz de Traba, chegaba co seu séquito ás terras das Mariñas para formalizar un acto histórico: a doazón da igrexa de San Vicente de Moruxo ao Mosteiro de Bergondo. Naquel momento tamén estaban presentes personaxes clave como o arcebispo Diego Xelmírez, e insírese nun contexto de gran relevancia política e relixiosa, coa recente proclamación de Afonso VII de León, antigo pupilo da propia condesa, como rei de León.

O documento, redactado en latín e conservado ata hoxe, constitúe a referencia máis antiga do mosteiro e marca o inicio dunha historia de nove séculos. Ao longo deste tempo, San Salvador de Bergondo transformouse en moito máis que un espazo relixioso: converteuse nun centro de poder, cultura e vida monástica que deixou unha fonda pegada na identidade das Mariñas.

A historia do mosteiro está marcada por etapas de esplendor e tamén de dificultade. Incendios e destrucións no século XIV, reformas impulsadas polos Reis Católicos no século XV, a invasión francesa no XIX e a desamortización de Juan Álvarez Mendizábal provocaron momentos de decadencia e cambios estruturais. Non obstante, o conxunto resistiu, adaptándose aos tempos e chegando aos nosos días como un espazo patrimonial de grande valor histórico, artístico e cultural.

Hoxe en día, quen visita o Mosteiro de Bergondo pode percorrer case novecentos anos de historia viva de Galicia, contemplando a súa arquitectura, a súa igrexa restaurada e a recuperación parcial do convento, que acolle actividades parroquiais, culturais e sociais, mantendo viva a memoria dun dos recintos monásticos máis significativos das Mariñas.

Interior do mosteiro

A experiencia

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo foi fundado a finais do século XII por monxes beneditinos, aínda que xa no ano 1126 existen referencias á súa construción. En 1138 contaba con coto e xurisdición propios, ademais de dereitos de pesca no río Mandeo.

Durante os séculos XIII e XIV gozou de importantes privilexios, incluíndo a protección real de Afonso X. No ano 1338 un incendio destruíu gran parte do conxunto, conservándose unicamente a igrexa románica, que foi reconstruída coa axuda dos Pérez de Andrade.

A partir do século XV iniciou a súa decadencia. En 1509, con Fray Juan Manzaneda como último abade, deixou de ser abadía. Máis tarde foi saqueado durante a invasión francesa e a desamortización de 1836 puxo fin á vida monástica. No século XX foi restaurado e en 1973 declarado Monumento Histórico-Artístico. Hoxe acolle eventos culturais e actividades diversas.

O mosteiro é un destacado exemplo do románico galego. A súa igrexa presenta planta basilical, con tres naves e tres ábsides semicirculares, seguindo os modelos tradicionais deste estilo.

No interior consérvanse sepulcros góticos do século XIV e unha lauda funeraria datada en 1472, que reflicten a evolución artística do conxunto ao longo do tempo.

A Capela de Santa Catalina, construída entre os séculos XIV e XV, é o único elemento gótico do mosteiro, destacando fronte ao predominio románico do edificio.

Vive unha experiencia única

Reserva a próxima visita guiada.

Reservar visita